Estevo I de Croacia
Nome orixinal | (hr) Stjepan |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | valor descoñecido |
Morte | 1058 |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Familia | Trpimirović dynasty (en) |
Fillos | Pedro Cresimiro IV |
Pai | Krešimir III |
Estevo I Krešimirović (en croata Stjepan I Krešimirović), nado cara ao 988 e finado no 1058 foi un rei do Croacia desde ca. 1030 até 1058 e membro da Casa de Trpimirović, primeira da rama dos Krešimirović. Estevo I non foi o primeiro rei de Croacia que levou o nome de "Estevo" ("Stjepan"), senón o segundo. Malia que antes Estevo Držislav de Croacia tomou o nome de Estevo na súa coroación, porén non era o seu nome natal, polo que Estevo sempre foi considerado "o primeiro".
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do antigo rei Krešimir III, Estevo naceu contra 988.[1] Casou con María, posibelmente de orixe veneciana, quen lle deu dous fillos: Pedro Krešimir IV, que o sucedeu como rei de Croacia e Častimir, que foi o pai do futuro rei Estevo II.
Estevo sucedeu formalmente ao seu pai en 1030, aínda que é probábel que correinara con el desde 1028. Como rei continuou as ambicións dos seus predecesores de estender o dominio sobre as cidades costeiras, desenvolvendo diversas actividades nese sentido, pero finalmente todo foi en van.
Centrouse na reconstrución da forza militar de Croacia e, en 1032 enviou gran parte da súa frota para axudar a Bizancio na súa guerra contra os árabes. As tensións entre os bizantinos e os árabes aumentaran despois de que os musulmáns destruíran a Igrexa do Santo Sepulcro en Xerusalén. Estevo utilizou isto ao seu favor, empregando a restaurada alianza croato-bizantina como un método para pacificar aos bizantinos e, simultaneamente, frustrar os desexos dos venecianos de ocupar a costa de Croacia.
Entre 1038 e 1041, Estevo logrou conquistar Zadar aos venecianos durante un curto período, posibelmente coa axuda do recentemente coroado rei de Hungría Pedro Orseolo, cuxa tía estaba casada con Estevo.[1]
En 1035, o conde Aldabero de Carintia pediu axuda a Croacia contra o Sacro Emperador Xermánico Conrado II, co que estaba enfeudado. Aldabero foi acusado o 18 de maio de 1035, durante a Asemblea de Bamberg, de conspirar con Croacia.[1] Debido a isto, o emperador reforzou a parte sueste do seu Estado, onde limita con Croacia. No mesmo ano, Estevo enviou ao seu primo Estevo Dobronja a Constantinopla, para reunirse co emperador bizantino. Porén, durante a guerra coa República de Venecia, aliado bizantino, Estevo Dobronja foi encarcerado e finalmente morreu alí.
As circunstancias cambiaron en 1046 cando Pedro I de Hungría, o fillo do antigo dogo veneciano Otón Orseolo e da sobriña do rei húngaro Estevo I, fuxiu do reino. O rei croata utilzou isto para invadir e saquear a Hungría, e ampliou o seu dominio até o río Drina ao leste. Isto provocou un ataque do dogo Domenico I Contarini que tomou Zadar en 1050.
Nun esforzo por manter a influencia romana nas cidades de Dalmacia, o emperador bizantino nomeou a Stjepan Praska, previamente un ban que servira baixo o rei Estevo I, como comandante Imperial. Aínda que nominalmente traballou para o Imperio bizantino en Zadar, axudou ao rei para conseguir outros asentamentos litorais.
Estevo I estableceu a diocese de Knin en 1040, que se estendía polo norte até o río Drava.[2] O bispado de Knin tamén tivo o título nominal de "bispado croata" (en latín, episcopus Chroatensis).
O comercio progresou baixo Estevo I, e xurdiu unha aristocracia florecente en Zadar, Biograd, Knin, Split e outras cidades costeiras. É probábel que os centros urbanos en Eslavonia creceran nese momento (especialmente ao longo do río Sava) e as poboacións emigraron cara ao norte e cara ao leste en busca de novas terras de cultivo. As dúas cidades máis grandes en Eslavonia nesa época eran Zagreb e Sisak.
En 1050, o rei Estevo I, gobernante de Bosnia e Dalmacia, fixo unha doazón de terras ao longo da costa que ampliou os límites da República de Ragusa até Zaton, a 16 km ao norte da cidade orixinal, dándolle o control á República da abondosa subministración de auga doce que emerxía dunha fonte vauclusiana á entrada de Ombla.[3] A doazón de Estevo incluía tamén o porto de Gruž, que hoxe é o porto comercial de Dubrovnik.[3]
En 1054, o gran cisma de Oriente rompeu a unidade da comuñón entre a Igrexa de Roma -á que Croacia permaneceu adscrita- e a Igrexa de Constantinopla.
Estevo I reinou até 1058 e o seu fillo Pedro II Krešimir IV de Croacia, asumiu a coroa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Ferdo Šišić, Povijest Hrvata u vrijeme narodnih vladara, 1925, Zagreb ISBN 86-401-0080-2
- ↑ Thomas the Archdeacon, Historia Salonitana
- ↑ 3,0 3,1 Frederick Bernard Singleton (1985). "A Short History of the Yugoslav Peoples", Cambridge University Press, ISBN 0-521-27485-0
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Intervju - ДИНАСТИЈЕ и владари јужнословенских народа. Special Edition 12, 16 de xuño de 1989.
- Royal Croatia